Comeza o Festival de Ortigueira

Publicado o 7 de jul. de 2011 por Rulo.
0

Non é rock, pero é música e da boa. Hoxe arrinca a vixésima sétima edición do Festival do Mundo Celta, aínda que durante toda a semana os amantes do folk fixéronse notar na vila. Nesta ocasión, o Concello de Ortigueira, organizador do evento declarado de interese turístico internacional, conta unha vez máis co patrocinio do Xacobeo Galicia, Estrela Galicia e Deputación da Coruña.

Os finalistas do concurso do Proxecto Runas, destinado á promoción de bandas noveis, serán os encargados de inaugurar esta noite a cita musical. Os galegos Ültraqäns e os andaluces Stolen Notes actuarán a partir das 21.30 horas. O terceiro finalista do concurso, o grupo chileno Riveira, non puido acudir ao certame ao non poder custearse a viaxe a España. Esta mesma noite actuarán tamén o gaiteiro pontevedrés Óscar Ibáñez, acompañado da súa banda Tribo co espectáculo Alén non mar, e o grupo escocés Skerryvore, ambos os debutantes no festival. Pero antes, ás 20.00 horas, terá lugar a inauguración do musical cun recital a cargo da Escola de Gaitas de Ortigueira e outras agrupacións.

Durante todo o fin de semana continuarán pasando polo escenario algunhas das bandas máis relevantes do panorama folk actual. Mañá volverá actuar o grupo da escola de gaitas municipal, ao que seguirá unha das actuacións estrela do cartel deste ano, os galegos Berrogüetto. Pola noite, pisarán o escenario Brian Finnegan Big Band, David Pasquet e The Urban Folk Quartet.

O sábado celebrarase unha das grandes novidades desta edición. Finnegan, John Joe Kelly e Ed Boyd impartirán unha masterclass na Casa Consistorial e pola tarde ofrecerán un novo concerto a pé de rúa. Pola noite tocarán os escoceses Rua Macmillan, os galegos Luar na Lubre, o grupo estadounidense The Elders, os canadenses Searson e The Crass, sexteto gañador do proxecto Runas do ano pasado. O desfile de bandas previsto para o domingo dará por clausurado o festival. A banda de gaitas municipal inaugurará a despedida, interpretando unha peza dirixida ao resto das bandas invitadas.

0 comentários: