Mostrando postagens com marcador Lanzamentos. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Lanzamentos. Mostrar todas as postagens

Incredibile ma vero: Metallica e Lou Reed gravan disco conxunto!

Publicado o 17 de jun. de 2011 por RockIsomE. en
0



Que teñen en común os creadores dunha obra magna(entre outras) coma "Master of puppets" e o lexendario líder da Velvet? Pois a parte de que poidan compartir o mesmo camello(difícil, uns son da Bay Area e o outro de New York), que coincidiron no 25 aniversario do Rock and roll hall of fame, onde se marcaron uns temas(podedes ver a interpretación conxunta de "Sweet jane" ao final).
En fin, a ver que sae de aquí, pintar non pinta ben, pero nunca se sabe. Podedes ver fotos das sesións de gravación aquí.


Terbutalina, novo E.P. e concertos

Publicado o 11 de jun. de 2011 por RockIsomE. en ,
0


En 2011 lanzan o seu traballo de presentación “Live in Catoira”, que recolle 8 temas dun concerto perpretado en Catoira (de aí o nome, tampouco é cuestión de romperse a cabeza).
A Terbutalina nace no incentro entre Ventín, Muíño do Vento e Esteiro (condados do estado de Muros) no 2010. Ex-membros de grupos como THE, Metralla, Skaiola Borrokal ou Süiss dan en se xuntar, tirar para adiante e elaborar unha recua de temas a medio camiño entre o rock de garaxe, o punk e outros sons.Meses despois viaxan até L.A. para gravar o que será o seu primeiro LP de estudio Broncodilatador que verá a luz en setembro deste ano. Un disco con 15 racións de gastropunk e música de diferentes estilos sempre baixo a premisa “mellor arriscarse e que rompa”. Até que o álbum saia á luz (coma se dun feto se tratar), sacan un EP para ir abrindo boca e pernas titulado “Que-de-leite!” con 3 temas dese futuro LP dispoñible para libre descarga aquí.

Bailen, cona, bailen!

Próximos concertos:

-11 de xuño, Campo das Cortes – Muros, De balde, 22.00 h.

-18 de xuño, Badulake – Ordes, Xunto a Familia Caamagno, 4€, 23.00 h.

-2 de xullo, "Pídechas o corpo" Festa do Orgullo Gai - Coroso, aparcadoiro da UAD (Ribeira), Con Talón de Aquiles, The Fe Kaos, The Siberets, Collón de Lola e Dj Manu Mimé, De balde, 22.00 h.

Ruxe-ruxe prepara novo disco e concertos

Publicado o 8 de jun. de 2011 por RockIsomE. en ,
0

Onte tiven o privilexio, xunto con outro compañeiro, de desfrutar en vivo e en directo coma adoita dicirse, dun ensaio dos Ruxe-ruxe. Un pracer para os nosos castigados oídos e tamén alimento para o noso espiritú, ver a estes seis mozos desfrutar e gozar coma se aínda foran un grupo nobel. Humildes coma poucos, cunha sona ben merecida tanto polo seu carácter coma polas súas cancións, a banda de Aríns está gravando o seu novo traballo discográfico co produtor Javier Abreu, que tamén traballou con eles no seu anterior traballo. Mentres agardamos poder escoitar ese traballo(eu non abro a boca que alí escoitei), podedes velos ao vivo na Sala The Star de Carral o vindeiro sábado 11 de xuño, dentro dos festexos do IV aniversaro da sala. Lembrade que tamén estarán o 23 de xunio dentro do festival Derrame Rock.
Mais info:
http://www.ruxeruxe.com/

Entrevista a Metralletas Lecheras

Publicado o 3 de jun. de 2011 por RockIsomE. en
0

















Algúns diredes: "Mandanabo, aqui deixades entrar a calquera", pero non saquedes conclusións precipitadas, os Metralletas Lecheras son boa xente (a pesar do pasado dalgún dos seus compoñentes), e mira, coma se non o foran, aquí o que nos importa maiormente é a música. Que teñen ese nome pola compulsiva e desmedida afición onanística dos seus membros? Pois vale, que queredes que vos diga??, teño pinta eu de Jorge Javier Vazquez??(xa sei que non me vedes, pero non a teño, palabra!). É isto unha nova versión a galega do Tomate??Non, non...antes a morte (dixital, se comprende). En fin deixóme de rollos e quedades coa conversa cibernética e desacompasada que mantiven cos Metralletas, o motivo?? Pero é que teño que dicilo todo? O seu novo artefacto sonoro, "Melodías para romanos", dispoñible para escoita e descarga dende http://metralletaslecheras.bandcamp.com e tamén en vinilo, editado polo selo madrileño Bowery records.

A banda estará presentando o seu traballo acompañados por Le Cul o vindeiro 10 de xuño a partires das 22:00 h. no Pub Cachán de Compostela. Isto é o que me dixeron(que non é pouco).

P.- Imos ser orixinais, contádeme un pouco a historia da banda e quen a forma.

CAMILO: A banda a formamos Rafa (guitarra e voz) e Camilo (batería) na primavera do 2007 xusto cando acabábamos de deixar ás nosas mozas que eran supermodelos. Logo no 2009 entrou Zé Pequeno (baixo e voz) porque precisábamos axuda para cambialas bombillas do local de ensaio xa que entre dous era unha tarefa difícil e perigosa. Rafa aguantaba a escaleira, eu subíame a cambialas e con Zé xa foi perfecto porque el suxetaba as caixas valeiras das bombillas. Xa a finais do 2010 entrou Rubén Domínguez (Farfisa) e xa todo foi a puta bomba!
P.- Cal é a intención ao montar a banda? Tendes algún mensaxe que transmitir ou todo responde ao puro hedonismo?


CAMILO: En principio 100% hedonismo. Agora, cada vez máis, nos damos conta de que ademais de divertirnos nós e procurar divertir á xente temos un carácter divulgativo moi pronunciado. Facemos videos sobre temas moi diversos: arqueoloxía, historia de Galicia, etnografía, parapsicoloxía, filoloxía. Somos uns homes renacentistas. Somos xente moi preparada.
P.- Que influenzas tanto musicais coma doutro tipo tendes ? Quen é o voso tocador de aspiradoras favorito?(é unha aspiradora o que se oe en “Faire l'amour”?)


CAMILO: Nosas influencias musicais son moi amplas e diversas dependendo ao integrante a quen lle preguntes. Pero quizais teñamos como punto común o POP entendido éste como estilo amplísimo que abarca dende os clásicos dos 60's ata chegar a hoxe con xente como Ariel Pink's Haunted Graffitit. E en relación ao PUNK coido que ningún de nós somos grandes consumidores de PUNK, quizáis Rafa si que lle meta máis a orella aos grupos PUNK e CHATARRA pero no fondo somos uns poperos de mierda.
Rafa Anido é, moi posiblemente, un dos poucos humanos que rexistrase nun disco un solo de aspiradora. Sen dúbida el un referente mundial nesa disciplina.


RAFA ANIDO: Influenzas musicais fáloche do que mais escoito ultimamente: Fabianne del Sol, Tyrades, Big Black, Suede, Animal Collective, Disco Inferno, Le CÚl, Telephones Rouges, Camera Obscura, La Casa Azul, Sexareenos, Tycho, Deerhunter. Tamén inflúeme moito a parasicoloxía: Miguel Blanco, Teresa Cabadas, Iker Jimenez, Jimenez del Oso, La zona cero e tamén o galicianbizarre: Cañita Brava, Tojeiro, o tipo da hormigonera,José Blanco Pazos, Manuel Barca Domínques.

O da aspiradora non e a 1ª vez que o fago, nunha gravacion de Estoy Friki utilicei o tubo da aspiradora.

P.- Que tal a experiencia con Arturo nos estudios Abrigueiro? O sitio está moi aillado, chegastes a temer pola vosa vida ou a ser devorados por algunha besta salvaxe?

CAMILO: Gravar con Arturo e o seu can lobo está moi ben, é un gran profesional e mellor persoa. Ir a Friol mola, nunca tivemos problemas por esas terras. Rafa disque veu mesmo a un par de koalas por alí colgados duns eucaliptos.

RAFA ANIDO: A min encántame ese tipo de sitios , máis agrestes se cabe e andar espido por eles. Alí en Abriguiero pola noite non se escoita nada, so cans lonxanos, é moi bonito, sobre todo algo chuzado.
P.- Como é o voso proceso compositivo? A gravación foi feita gravando todos xuntos? De ser así, credes que é o mellor xeito de gravar e por que?


CAMILO: O noso proceso compositivo consiste en chegar ao ensaio e tolear a Cristo. Cando o temos ben toleado o deixamos rexistrado nunha cinta de cassete porque tralo proceso sufrimos dores de cabeza fortísimos e témonos que deitar a botar unha siesta nunhas padiolas que instalamos alí no local de ensaio. Logo espertamos e xa facemos vida normal.
A gravación foi moi ben porque somos uns musicazos da hostia. Case todos os temas sairon en 2 tomas. Primeiro gravamos batería, baixo e guitarra á vez e logo metemos ás voces e o Farfisa. A min (Camilo) gustaría algún día facer unha gravación 100% directo como o "Kick out the jams" dos MC5 con chavalas en pelotas berrando no estudio.


RAFA ANIDO: En canto ao proceso de gravación coido que o importante é captala enerxía, non entendo todas esas parvadas de que se gravas en directo cólanse cousas polo micros. Un dos mellores discos da historia, o Funhouse dos Stooges, se escoitas as pistas da batería, alí cólase de todo!! Qué importará iso se o resultado é grandioso?
P.-Por qué “Ana de Palacio” se chama así?


CAMILO: Supoño que porque a os seus pais lles molaba o nome de Ana. Logo xa o dos apelidos... iso non se elixe amigo!!!

RAFA ANIDO: Era ou é (non sei se morreu ela ou a irmán) moi opusina. Os do Opus nunca deberían ser ministros, polo menos nuha democracia. Hai unha cancion de Estoy FriKi que tamén se chama así.
P.- Coma foi o contactar cun selo madrileño coma Bowery records?


ZÉ PEQUENO: Demos con Bowery nun anuncio de contactos da Voz de Galicia. A ambas as partes nos seduxo o que se nos ofrecía e o prezo e acordamos darnos un revolcón.

RAFA ANIDO: Coñecíamos a Santi e Araceli de Bowery de fai tempo, cando soubo de nós interesouse o primeiro, supoño que o toque mongolo en plan Rizillos ou Dickies que temos axudou moito.
P.- Sodes fans do vinilo? Credes que é mellor soporte musical? E que pensades da súa suposta volta?


CAMILO: Si que o somos. O vinilo é o mellor soporte para perdurar e para existir. A xente que che merca o vinilo é porque o quere de verdade, o cd o descarga, o perde e o raia calqueira. O bandcamp e o mp3 son xenais para a difusión pero son moi volátiles. Hai que ser moi disciplinado e ter alma de coleccionista de vinilos (precisamente) para ter una arquiivo de mp3 perfectamente ordeado.

RAFA ANIDO: O vinilo nunca se foi sempre os merquei dende que empezei a escoitar música. Tamén nunha época pillei cds-posavasos deses. Todos sabemos cal foi o resultado dese fornato…
P.- Como definides o voso estilo musical se é que o facedes?


CAMILO: Eu no seu día falei de "instropunkpopsurf" e "gastropunk" e Zé pola súa banda falou de "new age revival". En realidade non é un tema que nos preocupe pero somos conscientes de que o que nos quera etiquetar o vai ter difícil.
P.- Brevemente, que opinades do seguinte:


CAMILO:Conde Roa - Es un tipo que de hai sinco años a esta parte es un fuera de seria y se acabó”. Non, agora en serio, penso que vai esquilmala (pouca) cultura underground (que quedaba) en Santiago.
Derribos Arias - Poch é xenial. Tiña temas un pouco truños pero era un divertido.
Os indignados - Deberían intentar acampar onde haia herba. Mola máis.
Radio Océano - Son antergos nosos, non?
Wire - Sei que levan bandeiras rosas por un día que mirei a Rockdelux. RUBÉN: Aburrímonos pronto de tocar as cancións por iso duran tan pouco.
Drogas - Por sorte vivimos nun lugar privilexiado para a práctica dese deporte.
The Sonics - Amos
The Buzzcocks -Meu grupo punkpop favorito.
Iron Maiden - Foi a responsable de que nos 70's nalgunhas vilas inglesas lles botaran prozak nos depósitos da auga.


RAFA ANIDO:

Conde Roa- Ten pinta de chungo, vieja guardia, pero imos darlle unha oprtunidade.
Derribos Arias- O Poch era un persoaxe sen pose, enfermou e gracias a iso retirouse a tempo da escea para non dar pena.
Os “indignados”- Estou nun 85% a favor deles,pero teño que recoñecer que non estou colaborando moito a verdade
Radio Océano - Eran míticos, pero escoitando o disco quedei bastante decepcionado a verdade. o 1º de Siniestro Total é insuperable. E o mellor o 1º de Viudad Gómez tamén está ben.
Wire - É un dos grupos cunha evolucion do máis radical que coñezo. O do principio… aquelo do punk intelectual con grupos como Gang of Four.
Drogas - O licor cafe, ainda que cando non teño moza tomo postre de máis.
The Sonics: Os primeiros quizais, o seu 1º single é o do ano 1963, igual antes Link Wray e Joe Meek.
The Buzzcocks- Molan moito as melodías e eran de Manchester.
Iron Maiden - Demasiado heavy metal escoitado de chaval que a nivel de influenzas serviu de pouco.
P
.- Que opinades da actual escena musical galega? Moitas bandas, poucas bandas, moita calidade, pouca calidade? Responde a xente nos concertos ou non?


ZÉ PEQUENO: Está estupenda de saúde e moi infravalorada. Págase moitísimo mais polos grupos que veñen de fora que en moitos casos non lles temos nada que envexar. Habería que empezar a cambiar a conciencia de ser sempre os "grupos locais que só serven para telonear", só así poderíamos falar dunha escena galega.

RAFA ANIDO: Hai moitos grupos interesantes pero como di Zé só somos teloneiros dos de fóra sendo mellores moitas veces. Unha magoa. Temos a Le Cúl, Telephones Rouges, Lee Van Cleef, Franc3s, Miguel Prado, Samesugas, Homens, Diardemin, Señor Señora, Los Masoquistas, Los Santos, Zoofilia, Mano de Obra, Televisores, Fluzo, Malandromeda, Bulldozers, Noise Project, Carrero Bianco, Emilio José…
P- Tendes dado algún bolo fora de Galiza? De ser así que tal recibe a xente os temas en galego?


ZÉ PEQUENO: Si, por exemplo en Madrid. Ali non hai ningún problema por cantar en galego, a xente é bastante mais madura nese sentido. Todos consideran un grupo español a Dover por cantar en inglés, algo que aquí alguén cho discutiría se non cantases en galego. Nótase que alí están mais en contacto co resto do mundo civilizado.

RAFA ANIDO: Tocamos de vez en cando en Madrid. Alí aceptannos ben. Xa nos coñecen. O idioma o ven como un dos nosos instrumentos, defendemos a nosa lingua pero non en plan político. De feito tamén tocamos en castelán se nos peta.

CAMILO: Bueno, tamén tocamos en Ferrol e bastante ben, si. Houbo xente que nos preguntaba de onde eramos pero con google maps lles explicamos guai.
P
.-Por que titular o disco “Melodías para romanos”(non vale responder, porque non? Jaja)


CAMILO: O título do disco ven dun día que estabamos ensaiando e subidos ao muro da finca vimos a un par de nenos de nacionalidade rumana dándoo todo e berrando "rock'n'roll". De ahí ven. Son melodías para romanos* (Os vellos aos rumanos lles chaman romanos).
P.- Cales son os vosos próximos proxectos?


ZÉ PEQUENO: Temos en mente gravar unha película tipo "Yellow Submarine" así moi psicodélica e tal, pero é moi complicado por falta de recursos. Tamén nos gustaría gravar un videoclip, ou facer un de debuxos animados co After Effects. Rafa tamén está pensando en ter un churumbel.

RAFA ANIDO: Rematar de vender as copias do 1º disco, gravar o segundo máis ala dos Ancares, facer un videoclip adicado as pelis de pelos 70’s e escomenzar a facer surf.

P.- Dicide o que queirades!(se queredes)

Os Metralletas imos estar aquí un bó rato jodéndovos a puta cabeza. Xa está!


Máis info: http://www.myspace.com/metralletaslecheras

Terbutalina: rock de jaraxe

Publicado o 29 de mai. de 2011 por RockIsomE. en
0



Desverjuensa explisita, irreverencia, chulería, simpatía...algúns destes adxectivos son os que usan eles para describirse e outros son aportación miña. Terbutalina é unha banda de rock de "jaraxe" coma dín eles, procedente do noroeste da Galiza. Bebendo da inesgotable fonte do son dos primeiros Siniestro Total, pero facendoo en galego e cun notable acerto. Letras divertidas e música pegadiza e de doada escoita, ideal para bailar, brincar e beber xarras e xarras da túa birra favorita. Ameazan con ter ben cedo novo disco na rúa, namentres podedes descargar de balde o seu directo "Live in Catoira" dende aquí. Oito temas sen ningún tipo de lixo, directos a gorxa, e atrevendose incluso a adicarlle un tema a un "ilustre"(non penso caer na tentación de insultalo) galego, Mariano Rajoy!!

Mais info: http://terbutalina.blogaliza.org/

Jane's addiction: videoclip e novo album a vista

Publicado o por RockIsomE. en
0

O novo album dos míticos Jane's Addiction, logo da súa segunda reunión(non está o baixista orixinal Eric Avery) terá por título "The great escape artist" e está cada vez máis preto. Xa podedes ver o videoclip do seu primeiro single, "The end of the lies", que por certo non soa nada nada mal. Seguiremos agardando ata a publicación do album que se preve en agosto.

Mais info: http://www.janesaddiction.com

Novo disco e novo videoclip de Esquíos!

Publicado o 26 de mai. de 2011 por RockIsomE. en ,
0


O vindeiro 4 de xuño vai ser un día moi especial, e non só por que afortunadamente cumpriranse xa 13 días do remate do pesadelo electoral, senón tamén por que nesa noite, a partires das 23:00 horas no Pub Décadas da Estrada e contando con K-raxe coma banda invitada, Esquíos presentaran o seu esperado novo disco (o quinto xa): “Agora si!!…Despois igual non (imolo vendo)”.

Producido por Arturo Vaquero e gravado en rigoroso directo nos estudios Abrigueiro, neste traballo Esquíos soan mellor que nunca e presentan o seu disco mais rápido, mais bailón e mais punki, conservando o seu toque garaxe e facendo incursións guerrilleiras noutros estilos coma por exemplo o country.

Doce temas propios, un deles coa colaboración vocal de Xavinho (Raiba), con títulos coma “Son parvo”, “Bukowski”(adicada ao escritor), “Psicose no 2012” ou “Xunta-te”, contendo letras divertidas e mais ácidas que nunca. En http://esquios.bandcamp.com podedes escoitalo disco enteiro . O disco físico(CD) estará dispoñible a partir do 4 de xuño en toda Galiza distribuído por Lonxa Cultural, e tamén en www.toupa.net e na Esquíos Tenda a partires de xa(http://tenda.esquios.com/). O mesmo que co anterior disco, a banda agarda facer tamén unha edición no seu adorado vinilo. Para coñecer mais do grupo ou as datas de presentación ao vivo pásate por www.esquios.com.

Aquí podedes ver o videoclip que fixeron do tema "Moi ben" incluido no traballo. Avisamos que hai un erro no video, a banda chámase Esquíos, non Os Esquíos.

Death- For the whole world to see...

Publicado o 20 de mai. de 2011 por RockIsomE. en
0

A historia deste banda(nada que ver coa posterior banda de death metal), é unha historia de gañadores e perdedores, daqueles que chegaron sen merecelo tanto coma outros que nin chegaron, ou nin tan sequera tiveron a oportunidade de facelo. Afortunadamente esta historia ten un final feliz, polo menos no tocante a nós, o público obxectivo deste marabilloso disco. O disco foi editado no ano 2009 por Drag City Records, aínda que foi gravado no 1974 por tres irmáns oriúndos de Detroit.

Recentemente puiden por fin facerme coa edición en vinilo, para poder desfrutalo en todo o seu esplendor, despois de atopalo casualmente hai case un ano na rede, e quedar fondamente sorprendido coa súa escoita. Por elo, e no convencemento que non está a ter a atención que debería, fálovos dun disco que puido ser unha influenza básica en moitas bandas posteriores, un disco adiantado ao seu tempo, un disco no que podemos escoitar hardcore e punk-rock antes da súa existencia oficial, unha banda que me recorda a Bad Brains e non só por estar formada só por músicos de cor.

Sete temas conforman esta gravación, comezando coa impresionante “Keep on knocking”, himnica, melodía guitarreira sensacional, velocidade, soando a Ramones antes dos Ramones, letra contestataria, influenzas hard-blues nos solos sobretodo, punk-rock antes do punk-rock, unha marabilla; seguindo pola doce e tranquila, con arroutadas proto-punk, “Let the world turn”, onde podes percibir as influenzas psicodélicas(lémbrome de The Pink Fairies neste tema) que tamén ten a banda, ata rematar con “Politicians in my eyes” con velocidade, coma un blues-rock desbocado. Entre medias temas coma “Freakin out”, veloz, inmediato, puro punk-rock. En definitiva sete grandes temas, unha mestura de proto-punk, psicodelia, hardcore, blues e punk-rock, algo así como se Bad Brains, The Ramones, Jimi Hendrix e The Pink Fairies foran fusionados nunha única banda.

Imprescindible! Incalculables os efectos para a música posterior se este disco houbérase editado no seu momento por Columbia, a compañía que decidiu gardalo no baúl. A banda reuniuse a raíz desta edición para facer concertos, no seguinte vídeo podedes comprobar o seu estado de forma.

Telephones Rouges, novo 10" e videoclip

Publicado o 17 de mai. de 2011 por RockIsomE. en
0



Os Telephones Rouges presentan dende O Grove o seu primeiro 10"(a súa terceira edición en global) editado pola discográfica barcelonesa Mama Vynila Records(que se estrea con eles), consistente en cinco temas entre os que se atopan xemas coma "Helio", tema do que podedes ver o videclip que fixeron os rapaces de Magnetova, a vinganza nunca soou mellor.

A banda, que se dí influenciada por grupos coma Suicide , Sonic Youth ou Screamers(incrible banda, magoa que non deixaran testamento discográfico) ente outros, presentara este traballo nun par de concertos en Barcelona, a saber:

-TELEPHONES ROUGES [Krautrock, Punk] (O Grove) + Trist Trash Trio [Garage punkrockers] (SBD) venres, maio 20 a las 22:00 "LA SALA"

-TELEPHONES ROUGES [Krautrock, Punk] (O Grove) + PIÑATA [Garage, Lo-Fi] (BCN) sábado, maio 21 a las 22:00, Sala Fundacio Màgica

Os Telephones Rouges, mellor demo galega do 2010 según Mondosonoro por este traballo, é un grupo poliglota que escupe as súas líricas en galego, alemán ou castelán e que gravou nos estudios Abrigueiro baixo a produción do mago Arturo Vaquero(toda unha garantía, podo asegurar e aseguro). Temas coma "Toma o caminho"(no que recordan os Screamers) ou o antedito "Helio", o cheiro a Sonic Youth en "Sr. Ruiz" e en definitiva os cinco temas que compoñen o traballo penetran baixo a túa pel e trasladante ao angustioso mundo paralelo destes catro elementos. Eles mesmos dín que están entre o krautrock ou o shoegaze, caralladiñas místicas, deixate de lerias , aquí hai calidade a eito e caña dende o peito(!). A mín teñen momentos que ata me recordan a algunhas bandas industriais ou post-punk(killing joke...), mais que nada pola atmósfera de opresión e esgano que acadan algúnhas das súas tonadas en ocasións. Non inventan nada novo nin creo que o pretendan, pero a quen carallo ll eimporta iso cando tes temas da calidade e chegada de estos? E por outra banda quen inventa algo novo a estas alturas? O que hai e moito desmemoriado ou descoñecemento musical.
Escoita o EP en( e mercao na páxina de Mama Vynila, é unha orde):

http://telephonesrouges.bandcamp.com/album/radiocontrol-ep



Mais info en:
myspace.com/telephonesrouges

PRIMICIA PLANETARIA: Escoita un tema do novo de Esquíos!

Publicado o 30 de abr. de 2011 por RockIsomE. en
0

Aquí e agora, só para @s asidu@s a este blogue, podedes escoitar un tema do novo disco de Esquíos("Agora si!!...despois igual non(imolo vendo)"), a elección foi ao chou, quedades con "Psicose no 2012". O disco foi gravado totalmente en directo(agás voces), sen claqueta, sen cascos, sen separacións, tocando e punto. A venda a primeiros de xuño. A presentación na Estrada o día 4 de xuño xunto con K-raxe no Pub Decadas. Pronto mais datas e detalles.



Mais info:
www.esquios.com

Novo disco e xira de Pito de Pikasso!!

Publicado o por RockIsomE. en
0


O grupo compostelán terá en breve a venda o seu novo disco "De perrecho a capitán" que consta dunha ducia de temas novos.
Estas son as datas de presentación confirmadas tal cal nolas pasaron eles:
29/04 Venres Sala Capitol Santiago
06/05 Venres A veliña Leiro (Rianxo)
07/05 Sabado Con do Moucho Illa de Arousa
13/05 Venres Santa Comba Festa Xuventude, e nun pueblo o lado de santa comba
20/05 Venres Farándula Vigo con Leo I Arremecaghona + Vacalouras
27/05 Venres Badulake Ordes
28/05 Sabado Doble Moral Lugo
10/6 venres un festi preto de ortigueira

Mais info:
http://www.myspace.com/pitodepikasso

"Agora si!!...despois igual non (imolo vendo)" xa esta gravado

Publicado o 22 de abr. de 2011 por RockIsomE. en
0

!!O novo disco de Esquíos, de título que non penso repetir, xa está gravado. Este domingo recolleran o master que está a mesturarse e masterizarse nos estudios Abrigueiro polo gran Arturo Vaquero e con elo comezara a conta atrás para a súa edición. O disco consta de doce temas novos e a colaboración vocal nun tema de Xavinho (Raiba). Para o lanzamento do novo disco estrean nova web, que podedes visitar aquí.
Teñen pechadas xa varias datas de presentación que anunciaran en breve. A presentación do disco na Estrada será o día 4 de xuño no Pub Decadas onde tocaran xunto con K-raxe, 4 € a entrada e 8€ co novo disco.

Mais info : http://www.esquios.com

Aquí tendes o videoclip de presentación do seu anterior disco:

K-RAXE, "Novos tempos"-Presentación Sábado 16 de Abril na Reserva de Carballo

Publicado o 14 de abr. de 2011 por RockIsomE. en
0



K-RAXE ESTREA DISCO “NOVOS TEMPOS”

FESTA DE PRESENTACIÓN NA SALA A RESERVA (CARBALLO)
SÁBADO 16 DE ABRIL
K-RAXE + FALSO JOKER
ENTRADA+CD 6€ / ENTRADA 5€
A PARTIRES DAS 23.00 HORAS
K-RAXE : Banda de metal afincada entre Carballo e Cerceda (A Coruña). A súa xestación tivo lugar a finais do ano 2009 baixo o nome de N.O.S .Os compoñentes viñan de tocar en distintas bandas do panorama da música galega coma Machina, Sensacha ou Fuzquenlla. A música de K-RAXE abrangue diferentes estilos dentro do campo do metal mantendo unha línea de agresividade reforzada pola voz do seu cantante, ademáis de empregar o galego para facer chegala mensaxe das súas letras.

XIRA DE PRESENTACIÓN

16 DE ABRIL _ SALA RESERVA (CARBALLO)
17 DE ABRIL _ BADULAKE (ORDES)
23 DE ABRIL _ SALA FARÁNDULA (VIGO)
7 DE MAIO _ FUNDAÇOM ARTÁBRIA (FERROL)
27 DE MAIO _ GENTALHA DO PICHEL (COMPOSTELA)
4 DE XUÑO _ PUB DÉCADAS (A ESTRADA)
21 DE OUTUBRO _ PUB GATOS(MELIDE)
31 DE OUTUBRO _ PUB D’ANTON
5 DE DECEMBRO _ SALA THE STAR

Mais info: www.k-raxe.com


www.myspace.com/k-raxe

Novo Lp de Jello Biafra & The Guantanamo school of medicine

Publicado o 11 de abr. de 2011 por RockIsomE. en
0

Os fans de Jello Biafra estamos de noraboa!! Dándolle continuidade ao seu fantástico album debut do 2009, (The audacity of hype), o vindeiro 21 de maio pórase a venda o segundo traballo discográfico de Jello Biafra & The Guantanamo School of Medicine, un E.P. de cinco temas titulado "Enhanced Methods Of Questioning". Serán cinco temas novos(seis na versión CD e edición dixital, xa que incluira unha versión de os Deviants). No seu myspace podedes escoitar un dos novos temas, que soa fantásticamente por certo.

Este será o listado de temas:

Dot Com Monte Carlo
The Cells That Will Not Die
Victory Stinks
Invasion Of The Mind Snatchers
Miracle Penis Highway
Metamorphosis Exploration On Deviation Street Jam (só en CD e edición dixital)

Mais info en: http://www.myspace.com/jellobiafraandthegsm

Zenzar en V Televisión!

Publicado o 7 de abr. de 2011 por RockIsomE. en
0

Atención!! Datas de emisión da entrevista feita a ZENZAR por V Televisión, para o seu programa VCLIPS. Do 11 de abril ao 15 de abril, emítese ás 2 da madrugada. O sábado 16 e o domingo 17 emitirase ás 10 da mañá. A partir da semán que ven a entrevista estará disponible aquí.

Mais info: http://www.myspace.com/somoszenzar http://www.vtelevision.es/portada/index.htm

A audiencia nacional española anula o canon dixital!

Publicado o 24 de mar. de 2011 por RockIsomE. en
0


A Audiencia Nacional española declarou nula a Orden Ministerial que regulaba o polémico canon dixital, non por consideralo ilegal coma pretendían moitos dos demandantes, senón por que precisábanse certos trámites previos a súa aplicación que non se fixeron coma deberan.

A Audiencia declarase incompetente( aí estamos todo de acordo), para acordar a devolución de o recadado a través do canon. É de prever, polo tanto, que a norma volva ser aprobada, esta vez con tódolos trámites previos.

Unha magoa que estemos obrigados polo estado a pagar un imposto a unhas entidades privadas! Toma democracia!


Record store day!!

Publicado o 17 de mar. de 2011 por RockIsomE. en
0


Pareceme moi boa idea, (as veces os iankis fan as cousas ben), a do "Record store day", o día das tendas de discos na língua de Castelao.

Co galo de festexar dito día, publicaranse cousas coma un vinilo de versións de bandas coma The Ramones, Cream ou Pink Floyd entre outros, a cargo dos Foo Fighters de Dave Grohl, un 7" co seu clásico "Pay to cum" e o LP "God of love" acompañado dun 7" con dous temas inéditos a cargo dos míticos Bad Brains, o "Sovereign" de Neurosis en vinilo, ou un idem de Nirvana co título de "Hormoaning"(?). Todo en principio, en edicións limitadas, e digo en principio, por que xa sabedes como son estas cousas. En todo caso, quen as pillara(falo por mín). O día será o vindeiro 16 de abril deste 2011.

Mais info: http://www.recordstoreday.com/Home

Reedición en vinilo de discos míticos

Publicado o 14 de mar. de 2011 por RockIsomE. en
0


Da man de Elkar Música, temos a nosa disposición dende hai uns meses, a reedición de catro discos míticos: "Salve" de La Polla records, "Noche de rock and roll" de Barricada, "Inadaptados" de Cicatriz e "Kortatu" de Kortatu. Todos eles, a opera prima da banda correspondente. Eu fixenme co de Cicatriz e La Polla Records, e teñen unha presentación moi coidada. Vinilo de 180 gramos e as letras das cancións nun bonito libreto que inclue fotos das bandas. No caso de Cicatriz incluense dous temas míticos da banda que non viñan na edición orixinal, e que forman parte dun famoso recopilatorio de Soñua: "Aprieta el gatillo" e "Eskupe". Que se pode dicir deste disco? Se che gusta o punk-rock subversivo, macarra, cañero, con coros oi!...este é un dos mellores, senón o mellor exemplo. Para mín unha banda referente total, e este o seu mellor traballo. Agora imos coa reedición de "Salve" de La Polla Records, que inclue o seu primeiro mini-Lp "Y ahora que?". Outro disco imprescindible, ainda que para mín este non foi o seu culmen. Todo esto a un prezo moi razoable, así que se sodes fans destas bandas e do vinilo, non o pensedes mais. Podedes mercalos enhttp://www.elkar.com/ ou en Munsterama.

Por outra banda, a discográfica catalana B- Core, tamén reedita en formato vinilo outro clásico, o imprescindible "Antitodo" de Eskorbuto. Coidada presentación, vinilo de 180 gramos e unha remasterización que neste caso notase e para mellor. Do traballo musical xa non digo nada, poesía descarnada, mala ostia, pus mesturandose con sangue...Eskorbuto. O prezo tamén é moi razoable e se vos queredes facer con el podedes facelo ,por exemplo,aquí.
Máis info: http://www.elkar.com/ http://www.bcoredisc.com/

Rockisome

Filtración dunha demo do novo de Esquíos, xa non podes confiar en ninguén...

Publicado o 5 de mar. de 2011 por Rulo. en
1







The Meanies - The meanie of life

Publicado o por Rulo. en
0



Aquí temos o último lanzamento dunha das miñas bandas hardcore favoritas, os australiáns, The Meanies. O disco está editado en formato LP por Munster Records e é unha reedición dun recopilatorio de temas pertencentes a singles e gravacións varias da banda, que só foi editado en Cd en Australia a mediados dos 90. The Meanies para que non os coñeza son coma uns ramones postos de esteroides : máis velocidade, máis distorsión pero o mesmo sentido melódico. Fai pouco que se pasaron pola península despois dunha chea de anos sen vir(lamentablemente non poiden velos) e parece ser que seguen conservando parte da súa intensidade primixenia en directo. Aquí atoparedes vintecinco temas con moita forza e velocidade, bastante alonxados das súas derradeiras gravacións de fai xa case dez anos que levaban unha onda máis pop(pero igualmente moi recomendables). Punk-rock a e hardcore a gorxa!! Temazos coma “Darkside of my mind”, anque podería listalos todos, por que todos raian a gran altura. Vinilo de 15o gramos con carpeta despregrable e a bó prezo. Faite un favor e deixa que os Meanies entren na túa vida!!

P.D.: IM-PRES-CIN-DI-BLE a escoita do seu disco "10% weird", coma pouco.

Máis info: http://www.themeanies.net/ http://www.myspace.com/therealmeanies