Entrevista a Telephones Rouges

Publicado o 18 de jun. de 2011 por RockIsomE.
0








P.- Contádeme un pouco a vida e milagros de Telephones Rouges.

MATITAS: Nacimos alá polo 2007. Dende entón fomos experimentando pouco a pouco con todo o que ten que ver coa vida dun grupo: tocar concertos, facer cancións, adquirir e experimental co material que nos podiamos permitir, ir a gravar ao estudo, facer moitas amizades coa música, etc. Estou particularmente contento con certas cousas que conseguimos facer co tempo, máis tendo en conta as limitacións. Xa sen elas, isto sería unha bomba de destrución masiva, honestamente.

RUBENA: Para o segundo concerto da nosa histori,a no 2008, chamáronnos os de SINSAL. Pagáronnos moi ben e tratáronnos como senhores. (agradecidos sempre). Ilusos nós, pensábamos que iba ser sempre así pero nin de conha. Logo outra vez, botáronnos dun concerto cando levabamos quince minutos. Sempre que vamos a Madrid a tocar, Matitas triunfa. Temos a fórmula perfecta para que nun SEAT Ibiza de tres portas caiban cinco persoas e instrumentos, e poidamos recorrer 600 km sen problema. Estas son as nosas virtudes principais. Unha vez tamén , na festa de peche do Woodstock de Portonovo, un local de rock&roll moi mítico da zona, xusto antes de comezar a tocar houbo unha redada policial. Moi curioso todo.

P.- Que tentades transmitir coa vosa música? Que vos gustaría evocar nos miolos da xente con ela?

MATITAS: Pois unha reacción, sexa a que sexa. Que a violencia e tamén o hiptnotismo dos sons que utilizamos axuden a crear unha tensión. Non me gusta a idea de ser unha banda de monicreques facendo unha función de “entertainment”.

RUBENA: A min mentras non fagan palmas coa nosa música, todo ben. Gustaríame transmitir calquera tipo de sensación. O máis interesante da música é cando te fai viaxar e libremente claro. Somos moi mansinhos pero como di Matitas, na nosa música sobre todo o que hai é tensión a punto de estourar. Eso pode ser o que busquemos.

FOSO: Gustaríanos evocar a sensación de vómito indiscriminado nos miolos da xente a causa de subidas de distorsión e volume que afecten malintencionadamente ao sentido do oído

P.- A vosa música pareceme escura, opresiva e asfixiante en ocasións(todo elo no bó sentido), buscades producir ese tipo de reacción/sensacións no escoitante? Se vos digo que poderíades ser a banda sonora ideal dunha nova versión cinematográfica de “Jack the ripper”, con especial enfásis nas esceas mais gore e sanguentas, que me decides?

MATITAS: Pois para o primeiro o mesmo que dixen na anterior pregunta. En relación coa peli, nunca asociei a nosa música cun xénero tan explícito coma o gore, pero é divertido que se dean distintas interpretacións.

RUBENA: Non somos tanto de “socializar” a nosa opresión como nesta película. Soe ser sempre unha viaxe íntima nas que a veces cremos que pode ser interesante que máis xente participe. Intentamos precisamente que esa asfixia da que falas desperte na xente ganas de explotar dunha vez, pero a través dunha realidade interior próxima. Non sei se me explico.

FOSO: Persoalmente a estética das pelis de terror vintage paréceme moi atractiva (as modernas non), aínda que me cagaría de medo vendo calquera película e, por ende, se fixésemos cancións para escenas sanguentas tamén. Pois por isto nos próximos ensaios levarei un cargamento de cueiros

P.- Por que esa mestura de idiomas? Quen fixo a letra de “Du bist dran”? De que falan as vosas letras, teñen un significado concreto ou buscades que cada un saque o seu propio significado?

MATITAS: Mestura natural, non ten máis. “Du bist dran” fíxoa Alex, que é xunto conmigo un dos dous que sabemos alemán. Non penso que haxa significado común nas letras, hai rasgos que si poden ser comúns, e saen desa tensión e enerxía que compartimos todos, nalgo temos que coincidir.

RUBENA: Partimos da diverxencia. As letras escribímolas tres persoas distintas pero ao fin ao cabo sempre conseguimos completar os espazos que deixa cada unha delas e finalmente si que poden constituirse como un discurso homoxéneo. Un bicho de catro cabezas. As letras son pinceladas inconexas sobre aburrimento, dispersión, concentración, relacións multiorgásmicas de tendencias suicidas e movidas polo estilo.

P.- Por que grabar con Arturo Vaquero en Abrigueiro? Como foi?

MATITAS: Pois foi bastante ben, pero quizáis algo apresurado. É un estudo que está moi ben para poder gravar en directo e cunha boa selección de previos e micros. Gravamos alí porque tiñamos boas referencias doutra xente coñecida.

RUBENA: Conhecíámolo de amigos que gravaran alí e quedaran moi contentos co trato e os medios. Despois eu tamén estivera alí gravando o segundo EP de Cudevaso e molárame moito tanto o lugar como as instalacións como a actitude de Arturo que pese a ser un grande desto, está aberto a propostas e é moi comprensivo. O disco de Telephones Rouges gravámolo en dous días. Foi todo moi precipitado, pero obtivemos un moi bo resultado creo. Agardamos que para próximas aventuras contemos con máis días e máis cartos.

FOSO: Foi unha experiencia moi enriquecedora para min, basicamente porque non estou metido neste mundo de xeito profesional e non teño nin puta idea

P.- Como valorades a elección da revista Mondosonoro do voso traballo coma mellor demo do ano 2010 da sección de Castela-León-Galicia?

MATITAS: Positiva, claro. Aínda que afortunadamente non é unha demo e o temos como disco definitivo en vinilo.

FOSO: As críticas ou olladas cara nós son ben recibidas, sexan positivas ou negativas. Ás negativas sempre buscaremos a fonte e averiguaremos os seus domicilios particulares para cometer o atentado terrorista pertinente dada a nosa natureza integrista e intolerante


P.-Coma chegades a contactar con Mama Vynila? Sodes fans do vinilo?

MATITAS: O contacto estableceuse por correo, logo xa fomos avanzando nas conversas ata poder finalmente vernos e dar concertos por Catalunya, onde nace o selo da man de Gustavo. Estamos moi contentos e agradecidos con Mama Vynila, foi un paso adiante dende logo.

A gústame moito máis o vinilo. Unha xoia para coleccionar, un son máis cálido normalmente, máis exclusivo tamén. Obriga a pinchar coa agulla. Quen queira comodidade non ten máis que almacenar nun disco duro.

RUBENA: Foi unha coincidencia fantástica. A Gustavo, que é quen leva o selo, chegoulhe ás mans unha copia do recopilatorio Galician Bizarre. Escoitouno e molámoslhe. Púxose en contacto con nós e todo funcionou dende o principio. Chegou no momento perfecto e a coincidencia foi total. Despois de meses mandando discos a moitas discográficas e tendo o silenzo por resposta en moitos casos, xa nos encaminhabamos cara a autoedición hipotecando os nosos chalés en La Toja e os nosos Mercedes.

FOSO: Máis que fans do vinilo somos fans de Gustavo. Escoitando o disco en mp3 e despois en formato vinilo creo que vou ter que comprar un prato urxentemente e facerme fan incondicional. Qué diferenza, mimadriña

P.- Se vos pido que me recomendedes discos ou grupos para empaparme deles e ver a luz(ou poñerme máis cego, ao voso gusto), cales me recomendaríades?

RUBENA: Eu discos diríache un que pouca xente fala del pero que me parece memorable e moi a reivindicar, o “Jeopardy” de The Sound e logo grupos pois comenzado por Galiza, Zoofilia-aa, Le Cûl, Miguel Prado, Mullet, Fluzo, Malandrómeda, Aurelios Raum, Diadermin, Disco Las Palmeras! e no resto do Estado, Los Ginkas, Piñata, Za, Fabuloso Combo Espectro, Betunizer, Caballo Trípode, Montañas, Sonido Alfredo, AA Tigre, La JR, Lüger, Au… Do resto do mundo pois o último que ando escoltando e que me flipa son: Above the Tree, Julian Lynch, Suuns, Emeralds, Gold Panda, Evols, Women, A Sunny Day in Glasgow, Ducktails, Times New Viking...

FOSO: Eu estou a voltas con The Reegs, estou descubrindo a Scientists e tamén me quero empapar contigo cos Ket Kolomper. Dos que xa me empapei e recomendo encarecidamente son Langhorns, que para min son como unha segunda pel

P.- Que pode esperar alguén que vaia por primeira vez a un dos vosos bolos? Facedes versións doutras bandas?

MATITAS: Pois non che sei amigo, iso q o pense a xente que veña aos concertos. E non, lamentablemente para a SGAE non facemos versións doutras bandas. Algo fixemos no pasado, e algo caerá no futuro supoño.

RUBENA: Depende que busque. Se queres ir a tomar unha copa e charlar cos teus colegas escoltando música agradable de fondo vas de cu. Se buscan algún hype ou algo que mole tamén vas de cu. Se eres un trapalleiro, un pouco cafre e freak e vives os concertos, pois valo pasar guai.

Ao principio faciamos bastantes versións pero agora non temos ningunha no repertorio, a última que fixemos foi a de 122 hours of fear dos Screamers pero xa fai tempo.

Foso.- Como mínimo que agarde unha labazada sónica, e se o concerto sae ven levará unha tunda. Se só leva unha labazada o concerto foi unha merda


P.- Como compoñedes a vosa música? Todos xuntos, cada un ven cun tema...

MATITAS: A composición é conxunta sempre. As ideas ou motivos dos que partimos ou ben nacen dun ou espontáneamente ensaiando, que resulta máis agradable.

FOSO: As cancións aparecen do xeito máis inesperado nos currunchos máis ocultos, sendo 2, 3 ou 4 os que esteamos tocando ou improvisando . Tamén houbo ocasións nas que cada quen veu con ideas sacadas individualmente ás que despois lles demos xeito os demáis ou xa directamente, aínda que en menor medida, de xeito unilateral dictatorial impoñemos ideas uns sobre outros utilizando métodos de tortura dos indíxenas greenlandeses

P.- Brevemente, que opinades do seguinte:

-Joy Division

MATITAS: Discos e cancións soltas imprescindibles na miña banda sonora. Aínda que certo isto quedaría ben dicilo na VICE.

RUBENA: Co Unknown Pleasure comecín a psicoanalizarme.

FOSO: Mágoa que o moderneo actual beba daquí. Co que hai que padecer, non é porque me desagraden pero oxalá non tivesen existido

-Tomata du Planty

MATITAS: Actitude e máis actitude.

RUBENA: Un grande esquecido e moi a reivindicar.

-Radio Océano

MATITAS: Alí estiveron.

-Bildu

MATITAS: Esperanza.

RUBENA: Democracia.

FOSO: a única boa noticia das eleccións

-Sparks

RUBENA: Terei que escoitalos. Hai e houbo tantos grupos, que faise complicado ter tempo para todos

-The Scientists

MATITAS: Melodías con sabor a cloaca.

RUBENA: O Salmon sempre che pon un coitelo no pescozo e susúrrache ó oído

FOSO: acostumando o oído

-Killing Joke

FOSO: sorprendido co último disco, aínda que non escoitei moito máis

-Movida madrileña

MATITAS: Non conecto especialmente con iso, pero foi importante na súa época.

RUBENA: Todos os artistas soterrado que foron realmente os que tiveron algo de parte nesta historia son os que me molan, sobre todo os plásticos e audivisuais. Logo hai unha capa moi espesa de parásitos que se intentaron e se intentan alimentar desa época de efervescencia.

-Obama

MATITAS: Cara visible do filial do FMI.

RUBENA: Patetismo ilustrado. Cortina de fume

FOSO: Bush?

-Eskorbuto

MATITAS: Punk.

FOSO: a las elecciones

-Einstürzende Neubauten

MATITAS: Fütter mein Ego.

RUBENA: Despois de trinta anos, siguen sendo a puta ostia. Vinos no Primavera, foron demenciais e deron unha lección de actitude difícil de comparar.

P.- Que pensades da actual efervescencia de bandas galegas? Vedes positivo o uso da língua propia ou parecevos algo anecdótico sen mais?

MATITAS: Positivo, é bo que haxa cousas que facer e que a xente o aproveite. O da lingua é bo xa que personaliza en parte unha maneira facer as cousas, de pensalas.

RUBENA: Hai unha parte da cadea que está coxa. Faltan salas realmente comprometidas coas bandas de aquí, festivais que aposten decididamente pola música que se está facendo. Segue a ser patético ter que pagar por tocar, con contadas excepcións claro está

Foso.- Baixo un punto de vista práctico véxoo positivo por unha simple cuestión cuantitativa de número de galegofalantes con respecto a outros idiomas. No tocante ao artístico que cada quen faga o que lle pete coa súa música e se o que fai coa voz debe ser unha letra nalgún idioma concreto ou cacarexos ou berreos ou ladridos...

P- O tema “Toma o caminho” recordame aos Screamers, que pensades da súa música e actitude? Sorprendeme moi gratamente escoitar esa influenza na vosa música(recoñecida por vos ademais), penso que é un grupo inxustamente olvidado(que non deixaran ningún disco oficial axuda, claro).

MATITAS: Grupo de culto si. Mestura entre a inmediatez punk co cósmico da música alemana dos 70. Resultan terriblemente atractivos e persoais.

RUBENA: Os Screamers eran a ostia. Foron unha exhalación, pero deixaron un legado aínda por descubrir.

FOSO: Síntome emocionalmente superado por este halago comparativo

P.- Contademe cales serán os vosos próximos movementos se os sabedes?

MATITAS: Pouco a pouco, concertos, máis cancións, algunha gravación, iremos vendo.

RUBENA: Ir a praia e logo polas noites a Canelas a bailar.

FOSO: Editar un split cos Piñata, do cal os Telephones iremos ao estudo no verán. Tamén estamos buscando bolos na nosa vila natal ou como moito arredores en épocas estivais para poder promocionar o noso EP. Xa tirando para o outono temos pensado volver

P.- Que vos gustaría que vos preguntara e que respostaríades a esa hipotética pregunta?

MATITAS: Van moitas preguntas xa, así que molaría que preguntaras por tomar unhas cañas. Eu diríache q si, encantado.

RUBENA: Pois molaría que nos preguntaras en que festivais vamos tocar este verán. Responderíamos que para tocar en festivais en Galicia non estamos na “onda”. Todo demasiado hermético e endogámico.

Foso.- P: Non credes que xa vos chega de facer o parvo e non deberiades dedicarvos a procurar emprego, moza e formar unha familia coma deus manda baixo ameaza de aplicarvos a lei de preguiceiros e maleantes? R: Si, Foso polo menos xa ten traballo e bai camiño da rectitude máis pura e absoluta

P.- Et pour terminer....algo que engadir?

MATITAS: Rubena fixo o amor con Foso Común nos baños da sala Capitol.

FOSO: Aceite de oliva, vinagre de Módena e un pouco sal.

Descarga o seu E.P. en http://telephonesrouges.bandcamp.com/album

/radiocontrol-ep

Mais info en http://www.myspace.com/telephonesrouges.

Merca o vinilo en http://www.mamavynila.com/

0 comentários: