A xa lendaria banda de punk-rock californiana ofrecerá no auditorio ao aire libre do parque de Castrelos o único concerto previsto en Galicia
Tras o recente anuncio do concerto que abrirá as festas de Vigo (Juanes, o 15 de xullo), a Concellaría de Cultura continuou onte as presentacións voando ata o espectáculo sonoro que pechará a programación estival: Bad Religion, o 14 de agosto. A falta do que haberá entre unha cousa e outra, o calendario musical parece atender gustos dispares ou ata antagónicos.
Bad Religion ofrecerá un colofón de luxo para o festival de cultura urbana O Marisquiño na súa edición do 2011. A xa lendaria banda de punk-rock californiana chegará a Vigo para ofrecer no auditorio ao aire libre do parque de Castrelos o único concerto previsto en Galicia, que se enmarca nunha xira especial na que o grupo celebra os seus 30 anos de existencia.
Os músicos norteamericanos foron banda de cabeceira para moitos novos afeccionados ao surf, skate, snowboard e outras disciplinas urbanas, e influíron a formacións máis novas como Green Day ou My Chemical Romance.
Con 17 discos editados, durante estes anos mantivéronse como unha banda admirada e respectada. Stranger Than Fiction (1994) foi o primeiro álbum co que lograron disco de ouro en Estados Unidos.