Píldoras enérxeticas para o trauma postvacacional

Publicado o 1 de set. de 2011 por RockIsomE.
0

Achégase a fin do verán e moitos de nós afrontamos o retorno a actividade diaria, ao traballo, á rutina en definitiva. Isto, a priori algo desmoralizante, pode combaterse dalgúns xeitos, coma por exemplo escoitando determinados artefactos sonoros, discos que nos dean un empurrón extra que nos revitalice e nos axude a enfrontar a triste realidade. Vou recomendarvos dous discos que para min entran de cheo na categoría anterior, gravados por bandas que teñen en común o seu amor polo rock and roll clásico en maior ou menor medida. Por un lado temos o novo traballo de Barrence Whitfield & The Savages, titulado “Savages kings”e editado pola imprescindible Munster Records. Despois de editar tres traballos, o ultimo deles hai máís de quince anos, volta Barrence co corazón dos Savages orixinais(Peter Greenberg tamén guitarra dos Lyres entre outras bandas, Phil Lenker...), e voltan facendo o que mellor saben facer: rock and roll, pero do de verdade, do primixenio que facían Little Richard e compañía. Música festiva e bailonga, chea de soul e de enerxía, cos berros de Barrence sobresaíndo e dando personalidade e empaque o conxunto. Un discazo imprescindible, composto de versións e temas propios que contén pepinazos coma “Willie Meehan” ou a desgarradora versión de “Ramblin' rose”(MC5), tamén momentos para poñerse tenro coma en “Hold me close” ou “Bad girl”, e todo soando con moito sentimento, con moita forza: rock and roll, rockabilly, soul, blues.... Aqueles que coñezades os grandísimos The A-bones, saberedes un pouco por onde transita a música desta incendiaria banda. Por riba temos a sorte de poder desfrutalos ao vivo en Galiza o vindeiro 16 de setembro en Carballo, dentro do XIV XIRIAPOP FESTIVAL na Sala Dublín, na compaña de Las Ruedas, Soul Gestapo e The Flamin' Guays, a partires das 22:00 h. da noite. Mais info sobre a banda en http://www.barrencewhitfield.com/

Por outra banda, e despois duns anos de silencio discográfico e de sequía a nivel de directo, voltan os inmensos Bummer cun E.P. de catro cancións, catro versións en concreto, de xente coma Roky Erickson (por partida doble), The Smithereens e Gun Club. Todas elas absolutamente fantásticas. O traballo sae baixo o título de “Covers E.P.” e podedes mercarlo, por exemplo en http://ghosthighwayrecordings.blogspot.com/2011/06/bummer-7-covers-ep.html

A gravación destes temas ten uns anos, xa que foron gravados entre o 2002 e o 2004, pero a banda editao agora por medio de Ghost High Recordings en formato 7”, cun deseño chamativo e orixinal a cargo de Mik Baro. Os que teñades nun altar discos coma “Vintage rock” ou “That's the way is it” dos malasañeros, saberedes da pedazo de banda que estamos a falar e da súa calidade intrínseca a todolos niveis, tendo os seus compoñentes unha sólida traxectoria dentro do rock máis underground(por desgraza) peninsular. Agardemos ter a sorte de poder velos ao vivo, xa que están facendo algúns concertos e eu, que vivín a experiencia Bummer ao vivo en dúas ocasións, certifico que sempre é unha moi boa idea acudir a chamada dunha banda destas características.







0 comentários: